sábado, 23 de noviembre de 2013

Santo André de Teixido

Eu o apóstolo André vouvos contar a lenda do Santo André de Teixido e de como aconteceu:

Eu atopábame naquel arredado curruncho, illado e senlleiro, andaba  tristeiro ao ver as grandes peregrinacións que de toda a parte do mundo cristián ían camiño de Compostela para facer oración diante do sartego de Santiago, malia das penalidades que tiñan que sufrir; e, en troques, o meu santuario víase baleiro, malia que tamén facía milagres e sanaba persoas que serían incurables sen a miña axuda protectora.
Percorría os camiños vagarosamente sen andar moi contento debido a que ninguén visitaba o meu santuario.

Un día, no recurso dunha das miñas longas camiñadas, en que ía cavilando na miña pouca sorte, atopeime súpetamente ante o Señor, que viñera á miña terra para ver cómo andaban as cousas, e o Señor ao verme preguntoume:

— Véxote tristeiro, Andrés, qué é o que che acontece?

E  eu respondinlle:

— Señor, ando tristeiro porque vexo que de todo o mundo veñen xentes visitar o teu discípulo Santiago, que está en boa terra e ten bos camiños para chegaren onda él; e sofren e padecen nos longos días das lonxanas romaxes... —e con toda a humildanza, engadín—. Ninguén vén a pé de min , coma se eu non fora tamén o voso discípulo.

O Señor, ollándome con agarimo, díxome entón:

— Dis ben, André, e ti non has ser menos do que Xacobe. De hoxe en diante prométoche que ninguén ha entrar no ceo sen visitar antes o teu santuario, ao menos unha vez na vida; e aquel que non fixera de vivo farao despois de morto.

E así foi, e por iso se di:

A San Andrés de Teixido,
vai de morto o que non vai de vivo.



Aquí deixovos un video para que vexades como é San Andrés de Teixido:


No hay comentarios:

Publicar un comentario