sábado, 17 de mayo de 2014

O crecemento o máis ben decrecemento da poboación en Galicia

Vouvos falar de cómo será Galicia no ano 2040, para comezar explicareivos un pouco a evolución da poboación galega e como será no futuro segundo a miña opinión.

A partir dos anos 80 en Galicia obsérvase unha evolución negativa do crecemento da poboación, de feito as defuncións superan os nacementos.

Isto é preocupante, pois leva consigo o envellecemento da poboación, e que a situación demográfica de Galicia e as previsións de futuro sexan malas. Pois imos ser un país onde os poucos xóvenes que hai terán que emigrar porque non hai traballo.

Teñen futuro os mozos galegos? Porque eles son a Galicia de mañá. Se é que mañá Galicia existe: eu non me atrevería, á vista do páramo demográfico en que vivimos, a profetizarlle un futuro venturoso. Nin sequera un futuro. Deste país que durante séculos exportou brazos e cerebros, só queda unha poboación decrecente e  envellecida. A pirámide inverteuse. O éxodo, impulsado pola crise, continuouse. E os políticos, ensimesmados nas súas ínfimas querelas, nin sequera concordan no diagnóstico.

Os mozos -a Galicia de mañá- integran unha especie en vía de extinción. Ao comezar o 2008 había máis de 715.000 galegos de 15 a 34 anos de idade. Cinco anos despois esfumáranse 118.622. Galicia perdeu o 16,6% da súa xuventude nun lustro. Sesenta e cinco mozos menos cada día. Uns marcharon en busca do pan que o seu país lles nega; outros cumpriron anos, viaxaron á «idade madura» e non foron substituídos. Aqueles, vítimas da nova emigración que o presidente Feijoo se empeña en minimizar. Os segundos, vítimas diferidas da pandemia secular que decimou os campos de Galicia e envelleceu a estrutura demográfica do país. O padrón de habitantes non mente. Só fano os seus intérpretes: teñen bula e están aforados.

Quedan menos novos -o futuro de Galicia achícase- e empeora a situación dos mozos que quedan. E faino en maior medida que no resto de España. Próbao a EPA. Nos últimos cinco anos -cuartos trimestres do 2008 e do 2013-, diminuíu un 39,5% a ocupación dos mozos galegos de 16 a 34 anos (-37,9% en España) e o desemprego creceu un 72,7% (48,2% en España). A taxa de paro, na citada franxa de idade, disparouse en Galicia no último lustro: do 13,5% ao 30,8%.

Combinemos a EPA co padrón para visualizar o panorama desolador. Por cada cen mozos que había no 2008, sesenta tiñan emprego e nove estaban no paro. Os 31 restantes corresponderían á categoría de «inactivos», estudantes sobre todo. Cinco anos máis tarde, e 118.622 mozos menos, só estaban ocupados 43 de cada cen. O número de parados duplicárase: 19 de cada cen. E tamén crecera o número de inactivos: 38 de cada cen.

A xuventude galega extínguese entre unha disxuntiva dramática: ou se ir en busca de traballo, ou vegetar no sofá familiar. E agora, señorías, apéense das siglas e respondan con sinceridade: Ten futuro Galicia?

O ano 1981 foi o último no que Galicia garantiu o seu relevo xeracional -que queda cuberta cunha media de 2,1 fillos por muller- segundo as estatísticas. Na actualidade o crecemento vexetativo e real da comunidade é negativo, un problema non sempre posto de relevo e que deriva en perda de poder económico, de influencia política a nivel estatal e que pode chegar a poñer en xaque o mantemento do sistema de benestar nun futuro.

A pesar de todo este panorama algúns políticos intentan cambiar o noso futuro e que Galicia salga adiante con diversos proxectos como:

"Incentivos económicos serios"

Na súa intervención Beramendi, que analizou os cambios demográficos ao longo da historia, indicou que os problemas de despoboación de Galicia comezaron xa nunha etapa anterior á crise, aínda que sinalou a necesidade imperiosa dun cambio nas políticas económicas e empresariais para poder superar "o inverno demográfico". "Se non se remata co paro xuvenil e co emprego precario dificilmente se poderá atallar esta situación, que de continuar levará a Galicia a unha situación insostible. Non haberá activos abondo para poder garantir as pensións, haberá máis contracción económica e a asistencia sanitaria tal e como a entendemos será inviable", reflexionou.

        O catedrático de Historia indicou que, na súa opinión, sería necesario poñer en marcha uns "incentivos económicos serios" por fillo e mesmo chegou a barallar a posibilidade de 'penalizar' fiscalmente a non paternidade por parte daquelas persoas con idade e condicións económicas, así como poñer en marcha normativas contra a discriminación laboral de mulleres embarazadas.

Reinventar o rural

Pola súa banda, Carlos Ferrás destacou as características específicas de Galicia, como a existencia de máis de 3.800 núcleos parroquiais e 315 concellos. "Dende 1987 entramos en recesión demográfica, pero España non, polo que nós perdemos e ela gaña; perdemos, por exemplo, peso político na repartición de deputados en Madrid", sinalou. "A proxección de cara a 2050 é grave, podemos perder centos de miles habitantes, e ante iso, as contas non saen", explicou.

        Ferrás apostou por un cambio de modelo no rural", que non condene o minifundio pero o reinvente. "Hai que reinventar o medio rural, realzar por exemplo a agricultura ecolóxica e dar paso á enxeñaría comercial, sabemos producir, pero non sabemos vender", reflexionou.

Na miña opinión a Galicia do futuro terá unha poboación moi envellecida e os poucos xóvenes que hai emigrarán, a non ser que fagamos algo por remediar esta situación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario